Un dos momentos máis singulares da entrevista chegou cando Acisclo Manzano explicou a orixe do seu nome. “Descubrín hai pouco que Azisclo era o nome da ferramenta dos escultores na Grecia e na Roma clásicas”, relatou. “Así que chamarse Acisclo é chamarse escultor. É unha coincidencia maiúscula”. Unha anécdota cargada de simbolismo que semella anticipar unha vida enteira dedicada á creación.
Veciño de Biduedo, no concello de Cea, onde reside desde hai arredor de cincuenta anos, confesou sentirse máis da aldea ca de calquera outro lugar: “Non son de Cea, son de Biduedo”. Alí atopou non só unha casa, senón un espazo vital desde o que crear e observar o mundo.
Ao longo da súa vida percorreu boa parte do mundo, especialmente Europa, con especial interese por Italia e Grecia. “Onde hai arte, alí estou”, asegurou. Aínda así, deixou claro que ningún lugar pode competir coa súa terra: “Coñezo todo o mundo, pero non hai como Galicia”.
A súa obra está presente en museos, catedrais, coleccións privadas e espazos públicos. Só no concello de Cea poden verse dúas esculturas súas ao aire libre. Lonxe de retirarse, Manzano segue inmerso en novos proxectos e xa prepara unha exposición moi especial para cando cumpra 90 anos, que levará por título Tocar e levar. “A xente poderá tocar a escultura e levala. É o meu agasallo á xente que ama a arte”, explicou.
Acisclo Manzano confesou que nunca tivo un taller fixo. “Podo traballar en calquera esquina. Son un escultor a domicilio”, comentou con naturalidade. A súa relación coa materia é directa e física, razón pola que prefire a madeira e o barro fronte á pedra: “Teño que tocar, teño que vivilo”.