A edil socialista tamén mostrou a súa preocupación pola situación do rural compostelán, tras o debate xerado pola posible segregación dunha parroquia. “Claro que é preocupante que haxa composteláns que queiran deixar de selo”, afirmou, sinalando que a solución pasa por “planificación con fitos concretos e diálogo coas veciñas e veciños” . Neste ámbito, criticou tamén a xestión do transporte público, asegurando que non abonda con aumentar o investimento: “Non só hai que gastar máis, hai que gastar ben”.
A entrevista deixou tamén unha visión moi crítica coa xestión global do Goberno municipal, ao que acusou de estar “paralizado no día a día da mala xestión”. Abal puxo como exemplo problemas na limpeza, no mantemento viario ou na xestión da auga, así como a crise en servizos como os bombeiros, a Policía Local ou os centros socioculturais. “Non son capaces de xestionar o básico e, en consecuencia, tampouco poden desenvolver políticas transformadoras”, afirmou con contundencia .
En materia de vivenda, cualificou de “alarmante” a situación actual, destacando o incremento do alugueiro e a insuficiencia das medidas propostas polo Goberno local. “Hai máis de 1.700 demandantes e só se propoñen nove vivendas. Iso non resolve o problema”, advertiu, defendendo a necesidade dun banco público de vivenda e dunha empresa municipal que impulse políticas estruturais .
No plano político, Abal reivindicou o papel do PSOE como forza útil: “Estamos para todo o que precise o Goberno sempre que sexa bo para Santiago”, insistiu, fronte a un Partido Popular ao que acusou de actuar baixo a lóxica de “canto peor para Santiago, mellor para eles” . Ao mesmo tempo, fixo un chamamento á moderación nun contexto de crecente polarización, alertando do deterioro do debate público, especialmente nas redes sociais: “Non se poden tolerar os insultos”.
A parte final da entrevista estivo marcada pola mirada ao futuro político. Abal confirmou o seu interese en formar parte da próxima candidatura socialista: “Eu, desde logo, quero estar”, afirmou con claridade, aínda que matizou que o fundamental non son os nomes: “Máis importante ca a persoa candidata é o proxecto” . A concelleira defendeu a necesidade de construír unha proposta sólida que permita “situar Santiago á altura do que é a capital de Galicia”.
Finalmente, insistiu en que o principal reto do PSOE será mobilizar o electorado e recuperar apoio social, cun traballo “de proximidade, escoita e construción colectiva”. “O máis importante é convencer á cidadanía co noso proxecto”, concluíu.