O evento contou coa presenza do presidente da XEA, Ramón Cordido, do alcalde de Ames, Blas García, e do director xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia, Gabriel Alén Castro, que interviron durante o acto destacando a importancia deste recoñecemento para o tecido económico e comercial local.
Durante o acto, subliñouse que a obtención do selo de Centro Comercial Aberto supón un paso adiante na profesionalización e modernización do comercio amesán, reforzando a cooperación entre establecementos e ofrecendo novas oportunidades de promoción e crecemento.
Segundo explicou o presidente de XEA, Ramón Cordido, este recoñecemento “é o resultado do traballo conxunto de moitos empresarios e empresarias de Ames que cren nun modelo de comercio próximo, sostible e competitivo”. Ademais, apuntou que “se consigue así un obxectivo que vén xa da anterior directiva que segue traballando man a man coa actual. Só unidos os pequenos nos volvemos grandes”, finalizou dicindo Cordido.
Pola súa parte, o alcalde de Ames, Blas García, salientou o “papel fundamental de XEA na dinamización económica do municipio e na creación de comunidade arredor do pequeno comercio, sendo os autónomos os que fan en parte que isto sega adiante”. García tamén fixo fincapé “na importancia da política construtiva para chegar a acordos beneficiosos para a veciñanza”.
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, destacou o compromiso da Xunta de Galicia co impulso dos Centro Comercial Aberto, agradeceu o traballo das asociacións como XEA, que se suma agora aos máis de 50 centros comerciais abertos galegos; agradecendo o impulso e apuntou que desde Comercio e Consumo farán foco especial na formación das xerencias dos centros porque son parte esencial para a súa boa práctica.