A Feira do Monte “Tanto Monte, Monte Tanto” segue medrando e xa chega á súa quinta edición. Así, un ano máis o campo da festa de Trasmonte acollerá este evento que nesta edición de desenvolverá ao longo de dúas xornadas, o sábado 15 de novembro, de 11.30 a 19.30 horas, e o domingo 16 de novembro, de 11.30 a 15.00 horas. O obxectivo principal desta iniciativa é poñer en valor o monte e os produtos e derivados que este nos ofrece.
Na actualidade xa se conta con 24 expositores confirmados que ofrecerán produtos como mel, aceite, madeira torneada, instrumentos musicais, tecidos e teas naturas, tés, queixo, castañas, papel reciclado, viveiros forestais, cosmética e menciña natural. Tamén haberá actuacións de música tradicional a cargo de grupos de Ames, exposicións, obradoiros e diversas degustacións nas que os visitantes poderán deleitarse cunha ampla gama de produtos gastronómicos. Ademais, haberá unha carpa para estar a cuberto e poder participar nas actividades programadas.
A presentación do evento, que tivo lugar esta mañá, contou coa asistencia do alcalde de Ames e concelleiro de Turismo, Blas García; o concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, Javier Antelo; a técnica responsable da Aula da Natureza, Patricia Reboreda; e maila técnica municipal do departamento de Turismo, Sonia Moure.
Feira do Monte, evento referente de Ames
O alcalde de Ames e concelleiro de Turismo, Blas García, dixo que “esta quinta edición da feira do monte xa consolida esta iniciativa, que comezamos a facer hai un tempo cun obxectivo menos ambicioso que na actualidade. Fomos vendo que as melloras que fixemos tiveron éxito, porque o ano pasado houbo unha grande afluencia de xente, tanto de expositores coma de público. O noso obxectivo é que esta Feira do Monte sexa a gran feira de referencia de Ames. Nós sempre dicíamos que en Ames non tiñamos unha feira de referencia e cremos que con esta iniciativa estamos enchendo ese baleiro. Ames dende fóra é coñecido polos dous núcleos urbanos que tempos, pero ademais temos que poñer en valor todo o rural que temos, por iso se celebra en Trasmonte para demostrar que se poden facer feiras de nivel en núcleos do rural”.