A Plataforma STOP Planta de Residuos mobilízase ante o pleno extraordinario de Teo
A Plataforma Veciñal STOP Planta de Residuos – Cacheiras – Aldeas Limpas! anunciou a súa participación no pleno extraordinario que se celebrará mañá no Concello de Teo, no que se abordará como único punto da orde do día a posible instalación dun centro xestor de valorización de residuos non perigosos na parroquia de Cacheiras.
Líder Redacción
8 de abril de 2026 a las 14:03
Durante a sesión plenaria, a presidenta da Plataforma, Silvia Rama, tomará a palabra para trasladar a preocupación existente entre a veciñanza pola localización prevista desta infraestrutura. Segundo indican, o proxecto situaríase no medio das aldeas, con vivendas a menos de 50 metros, o que, ao seu xuízo, podería ter un impacto significativo na calidade de vida das persoas residentes na zona.
A intervención servirá tamén para solicitar formalmente ao Pleno municipal que adopte todas as medidas necesarias para impedir que o proxecto saia adiante, defendendo así os intereses da comunidade local.
Coincidindo coa celebración do pleno, a Plataforma convocou unha concentración ás portas da Casa Consistorial. Na mobilización está prevista a participación de veciños e veciñas afectadas, así como doutras persoas solidarias, co obxectivo de visibilizar a “enorme preocupación” social que, segundo o colectivo, está xerando esta posible instalación.
A xornada preséntase, así, como un momento clave no debate sobre o futuro deste proxecto e o seu encaixe no territorio de Cacheiras.



