A concelleira de Promoción da Saúde, Susana Señorís, destacou que “este ano centrámonos no coidado da pel xa que é importante coidala durante todo o ano. A pel é o órgano máis grande e ademais o que nos envolve. Estas cuestións vanse abordar na feira deste sábado e para elo contaremos cunha charla en horario de mañá e cun coloquio e obradoiro pola tarde sobre os coidados básicos da pel para que estea sempre en bo estado”. Ademais, Susana Señorís dixo que “a parte máis importante desta feira é sempre darlle visibilidade ás asociacións que nos acompañan no día a día. Este é un xeito de sacar á rúa o traballo que fan diariamente en distintos ámbitos da saúde, para que a veciñanza o poida coñecer”.
Por outra banda, Señorís sinalou que “ter unha boa saúde tamén implica ter unha alimentación saudable e facer exercicio físico. Debido a iso vanse impartir sesións de taichí e ioga, e ademais, na praza da Maía, en horario de mañá celébrase o mercado de produtos da horta e artesanía, polo que as persoas que acudan á feira tamén poderán complementar a súa visita acudindo a dito mercado e viceversa. O Concello tamén disporá do seu propio stand no que se dará visibilidade ás actividades que se organizan dende o departamento de Promoción da Saúde, sobre todo para dar a coñecer o plan municipal de saúde mental, as andainas, os talleres de regulación emocional, o programa de cesación tabáquica, etc”.
A técnica municipal de Promoción da Saúde, Rosana Martínez, explica que “nesta quinta edición da feira da saúde e benestar participan 13 asociacións, das cales moitas delas xa levan compartindo este espazo con nós dende que naceu esta feira no ano 2021. Durante o primeiro ano xa participaron 15 asociacións. O que fomos vendo durante estas cinco edicións é que a participación das asociacións non é algo estático, senón que todos os anos se incorporan novas asociacións e outras non poden asistir e volven ao seguinte ano, por iso cremos que o obxectivo está cumprido que é que o mes de abril en Ames é o mesa da feira da saúde. O primeiro ano abordamos a saúde de xeito xeral, pero despois decidimos ter unha temática específica en cada edición: saúde mental, menopausa, hábitos de vida saudable e o coidado da pel”.
Programación da V Feira da Saúde e Benestar
A xornada comezará ás 11.00 horas coa inauguración da feira na carpa da praza da Maía, posteriormente desenvolveranse as presentacións de todas as entidades participantes. Ditas entidades son 13: ALCER, ANEDIA, AECC, Alcólicos Anónimos, ASANOG, Fonte da Virxe, querENDO, Obra Social Pediatría, AGAL Lupus Compostela, ConAtrite, AGADEA, Dano Cerebral Santiago de Compostela e ASOTRAME.