Bertamiráns dará comezo ás súas tradicionais festas da Peregrina hoxe, mércores día 6. Pola tarde, será a quenda do pasarrúas da charanga Compostela, ás 19.00 horas, mentres que á noite a orquestra Cinema e o DJ Sergio Telmo poñerán o ritmo na verbena.
Mañá, xoves día 7, será un dos días máis destacados, coas actuacións da orquestra Panorama e a disco móbil CDC. O pasarrúas desta xornada, tamén ás 19.00 horas, estará a cargo da charanga BB+. Neste segundo día da Peregrina, contarase cunha caravana morada para atender e denunciar calquera tipo de agresión machista que aconteza durante as festas. O horario de atención será de 22.00 a 5.00 horas e estará situada na zona de aparcamento do Pazo da Peregrina.
De seguido, o venres 8 de agosto, chegará outro dos pratos fortes das festas, co concerto de Mondra no parque do Ameneiral, a partir das 21.00 horas. O teense é un dos artistas máis destacados da escena musical en galego nestes intres e está a presentar o seu último traballo “De Ronda”. Ademais, nesa xornada contarase co pasarrúas, ás 19.00 horas, da charanga Os Celtas, mentres que na verbena amenizarán a noite a orquestra Charleston Big Band e a disco móbil nova CDC visual.
Para o sábado 9 están previstos os pasarrúas de Requinta da Amaía, ás 11.00 horas, e o de Coral Lojo Batalla, ás 21.30 horas. Á noite actuará a orquestra Metrópolis e a discoteca móbil CDC. Ademais, nesta xornada terá lugar a festa infantil no parque do Ameneiral, unha iniciativa gratuíta para os máis pequenos da casa para que poidan gozar con música, inchables e actividades especialmente dirixidas para eles. O horario desta festa será de 18.00 a 21.00 horas.
No peche das festas da Peregrina, a orquestra Compostela será a encargada de poñer a música. Primeiro, na sesión vermú que se celebrará ás 14.00 horas, e, á noite, na verbena, que comezará a partir das 23.00 horas. Así mesmo, contarase coa actuación da banda de música de Calo ás 11.30 horas na Praza da Maía e o pasarrúas de Airiños do Paseo de Colón ás 12.00 horas. O pregón de peche terá lugar ás 22.30 horas, a cargo de Ronald Rojas, migrante de Venezuela que leva xa varios anos residindo en Bertamiráns xunto coa súa familia.
Festival Emerxente
A principal novidade do Ames en Festas deste ano é celebración no parque do Ameneiral da primeira edición do Festival Emerxente, unha iniciativa que ten como obxectivo ofrecer aos artistas mozos e emerxentes do concello, e da súa contorna, unha plataforma onde poder presentar os seus traballos en directo. A cita será mañá, xoves día 7, e contará coas actuacións de: Helena Pazos, ás 20.00 horas; Mr. T, ás 20.30 horas; Lepayitss, ás 21.00 horas; e, pechando o festival, Komojo, que actuará arredor das 21.30 horas.
Romaría urbana
Ademais, como parte das festas da Peregrina, celebrarase a unha nova edición da Romaría Urbana, que terá lugar no parque do Ameneiral o sábado 9 de agosto. Comezará ás 13.30 horas cunha sesión vermú. Ao longo de toda a tarde haberá diversas actuacións musicais a cargo de: Tabernarias, ás 13.00 horas; Arde, ás 14.30 horas; Monoulious Dop, ás 19.30 horas; Luis Fercán, ás 21.00 horas; e, finalmente, Biribirlocke que pecharán a romaría cunha actuación ás 22.20 horas.