Para poñer en valor esta ruta xacobea a Asociación de Concellos do Camiño de Fisterra e Muxía, da que forma parte o Concello de Ames, editou un novo número da guía turística 20xvinte.Trátase do número 15 desta guía turística que leva funcionando dende hai 7 anos. Deste número editáronse 6.000 exemplares en papel que conta con 52 páxinas. Ademais, editáronse 20.000 tarxetas cun código QR a través do cal se pode descargar esta guía.
O alcalde de Ames e concelleiro de Turismo, Blas García, destaca “a importancia desta guía turística para poñer en valor o Camiño Fisterra-Muxía, que é o único que non acaba en Santiago, senón que comeza en Santiago e nos leva ata a fin do mundo. Ademais, engadiu “polo concello de Ames discorren tres camiños e un deles é o Camiño de Fisterra-Muxía. Trátase dun camiño moi importante e distinto a todos os outros”.
20 persoas e 20 localizacións
A directora da guía turística 20xvinte, Mónica Seoane, explica que “tal e como reflicte a guía no seu nome, son 20 as persoas dos 10 concellos polos que discorre o Camiño Fisterra-Muxía as que poñen en valor 20 localizacións desta ruta xacobea. Ames é o segundo concello polo que discorre este camiño despois de partir de Santiago de Compostela. Esta guía xa foi presentada no pasado mes de xaneiro en Madrid na Feira Internacional de Turismo, FITUR”.
Un total de 20 persoas dos 10 concellos polos que transcorre o Camiño de Fisterra-Muxía (Santiago de Compostela, Ames, Negreira, Santa Comba, Mazaricos, Dumbría, Cee, Corcubión, Muxía e Fisterra) son os encargados de poñer en valor esta ruta xacobea a través de diferentes testemuños e historias.