Outra das novidades deste ano é a creación dun espazo de artesanía nas rúas cercanas ao recinto, que dará visibilidade ao traballo de creadoras e creadores, así como a participación de diversas asociacións da zona, que terán espazo para expoñer os seus produtos e iniciativas.
Pensando nas familias e nos máis pequenos e pequenas, creouse un espazo conciliador para que nais, pais e coidadores poidan desfrutar da festa con comodidade. Ademais, haberá actividades específicas para a infancia, garantindo que os cativos tamén gocen dunha programación adaptada para eles.
A animación de rúa será outro dos pratos fortes desta edición, cunha proposta deseñada para que tanto maiores como pequenos poidan participar e vivir a festa dun xeito especial. Do mesmo xeito, os concertos do domingo serán unha oportunidade para que todo o público poida desfrutar da música nun ambiente festivo e inclusivo.
O tecido empresarial de Arzúa tamén xoga un papel fundamental nesta edición, colaborando activamente para dar maior proxección ao evento e contribuíndo á súa expansión e impacto. A implicación do comercio e das empresas locais reforza o carácter comunitario da Festa do Queixo, asegurando que a celebración siga a medrar e consolidarse como un referente cultural e gastronómico.
Unha das grandes apostas deste 50.º aniversario é que todos os concertos serán de balde e en recinto aberto, permitindo que a música chegue a todas as persoas sen barreiras. A maior parte do cartel está composto por artistas galegos e/ou que interpretan en galego, reforzando o compromiso co talento e a música do país. Os concertos comezarán ás 20:30, facilitando que as familias e as persoas maiores tamén poidan achegarse á zona de concertos e vivir a festa de preto. Tamén, no recinto dos concertos, haberá un punto violeta onde se poderá pedir información e axuda ante calquera agresión sexista.