Pero a festa tamén trae reflexión. Mato recoñeceu que nos últimos anos o evento “desvirtuouse nun macrobotellón” e que agora o obxectivo é reconducilo cara a unha celebración onde o produto sexa protagonista absoluto. “Queremos xente nova, por suposto. Pero queremos que vexan isto como unha festa do produto, do traballo duro no mar. Non unha troula sen máis”.
A programación inclúe actividades culturais, música e animación desde hoxe mesmo, coa celebración do chamado “Prepercebe”, e concertos que seguirán na tarde do sábado nunha zona acotada para garantir tanto o desfrute como o descanso veciñal.
O verán, para o Concello de Ponteceso, supón un reto engadido: “Todo cambia: hai máis residuos, máis xente, máis eventos en todas as parroquias, máis necesidades. Dobramos esforzos e persoal, sobre todo en Corme, que se enche de xente que volve da diáspora. É emocionante, pero require unha xestión intensa”, contou Mato.
O que está en xogo, explicou, non é só o éxito dunha festa concreta, senón o futuro dunha economía local ligada ao mar. “Queremos que o percebe siga tendo valor todo o ano, que chegue ao mercado a un prezo xusto, que os mariscadores vexan recompensado o seu traballo. E iso só se consegue con respecto, identidade e orgullo do que somos”.