Ademais, este ano sumarase ao programa a Carreira de Orientación da Festa do Banquete, organizada polo Departamento de Deportes e que terá lugar o sábado 25 de maio ás 11 horas con saída dende a praza Aurelio Aguirre e percorrido polo bosque do Banquete. Trátase dunha proba non competitiva, con opcións e categorías para todas as idades e niveis, e nas modalidades individual ou grupal para fomentar a participación de familias. Para participar nela, é preciso inscribirse na categoría e modalidade que máis se adapte a cada participante na páxina web xestanatureza.com.
I Certame fotográfico
O Concello tamén lanza a primeira edición do certame fotográfico do Banquete de Conxo, no que poderá participar calquera persoa maior de 18 anos. Trátase dunha iniciativa que pretende fomentar a creatividade, e poñer en valor a propia Festa do Banquete a través da fotografía. Para participar neste certame, as persoas interesadas poderán presentar as súas mellores fotografías vinculadas á celebración desde o 27 ata o 31 de maio. As imaxes gañadoras recibirán diferentes agasallos, como unha cámara de acción deportiva, unha cámara instantánea ou libros de fotografía.
Como participar?
Entre as opcións están a de sumarse como actor ou actriz ás distintas accións teatrais que coordina a compañía dos Quinquilláns ou colaborar na organización e preparación da Festa do Banquete. Para isto é preciso poñerse en contacto co Centro Sociocultural de Conxo no correo csconxo@santiagodecompostela.gal ou ben no teléfono 981528740.
Este ano tamén se fai un especial chamamento a aqueles mozos e mozas que queiran caracterizarse como estudantes para participar nunha recreación concreta que terá lugar dentro do Desfile do domingo. Ademais todas as propostas de música de autor, hip hop ou poesía por parte da mocidade que queiran estar presentes na Festa tamén poderán remitirse a csconxo@santiagodecompostela.gal.
Outra das opcións é de colaborar como persoa voluntaria durante o desenvolvemento da Festa do Banquete, escribindo un correo a voluntariadobanqueteconxo@gmail.com.
O Serán da Fraternidade do domingo 26 estará amenizado pola música e ao baile tradicional, polo que a participación de grupos locais de música ou baile ou de canto de taberna dos barrios e parroquias serán benvidas. Ademais, os concelleiros animaron a todas as persoas que que acudan á romaría a vir vestidas de época á Festa do Banquete.
Para a confección da vestimenta, os CSC de Santiago ofrecerán obradoiros de vestimenta tradicional, impartidos pola Asociación do traxe e de vestimenta de época con Bety Busto, costureira especialista. Ademais os Centros Socioculturais do Ensanche, Laraño, Conxo e Marrozos.