A esta situación súmanse unha maior presión asistencial e a escaseza de médicos de familia, un problema estrutural que afecta a todo o sistema sanitario e que obriga a repensar a organización da atención.
Ante este escenario, o Plan de Saúde Local baséase nun modelo de gobernanza compartida entre o Servizo de Atención Primaria e o Concello, a través do Consello Director do Plan de Saúde Local, un órgano que permitirá mellorar a coordinación na toma de decisións e na execución das actuacións previstas.
Iniciativas destacadas
No ámbito comunitario, o plan contempla a incorporación da Estrada á Rede Española de Cidades Amigas da Infancia e das Persoas Maiores, así como o desenvolvemento do proxecto e-GALIAT, orientado á promoción dunha alimentación saudable e sostible baseada na dieta atlántica, un modelo propio de Galicia.
No eido sanitario, recóllense medidas para mellorar a asistencia no Punto de Atención Continuada (PAC), manter a e-consulta avanzada en cardioloxía, impulsar unha e-consulta neurolóxica para a detección precoz de problemas de memoria e reforzar a atención ás persoas con enfermidades crónicas complexas, tanto en residencias como nos seus domicilios.
O plan mantén tamén a aposta por modelos de atención de proximidade e autocuidado, sempre desde a elección informada das persoas usuarias e o compromiso coa modalidade asistencial escollida.