O proceso creativo foi moi natural, dos primeiros bocetos xa naceu esta opción que foi a escollida entre as tres presentadas, e que paso a describir brevemente.
As partes destacables deste logo son o “E”, pentagrama, a tipografía e a Cor. O E, inspirado nunha “chave de sol” e o pentagrama son os elementos gráficos mais representativos, ámbolos dous inspiran música e son. Co tempo, agardamos que o “E” sexa o símbolo da escola. Neste traballo era prioritario que “Emma” fora lexible dada a súa localización (enriba do pentagrama).
A escolla da tipografía é importante porque suma e transmite. Neste traballo era prioritario que “Emma” fora lexible dada a súa localización (enriba do pentagrama) Escollemos unha tipo con remates, que transmite experiencia e institucionalidade. Ademais, cos seu trazos, conseguimos esa lexibilidade necesaria en tamaños de reproducción pequenos e dotamos de categoría e elegancia á marca. Esta tipografía, curiosamente, chámase “Cantata” (traducido: cantada). A partir da escolla desta tipo traballamos o grosor dos trazos do “E” para conseguir a harmonía entre os dous elementos.
Incluímos o texto denominativo “Escola Municipal de Música de Ames” para aquelas persoas que non están tan familiarizadas coa nomenclatura de “EMMA”, escollemos a Helvética por ser tamén unha tipografía extremadamente lexible. É ademais, unha tipografía moderna, de deseño limpo, e que encaixa co carácter institucional que buscamos. Aplicamos un estilo fino para que non pesara na composición e darlle o protagonismo xustiño.
Por último o uso da cor: Dende o seu inicio, este era para min, un logo en branco e negro. As partituras, as notas todo me falaba de negro sobre branco. Deste xeito funciona perfectamente, pero…engadindo cor, abrimos un novo abanico que representa a diversidade do alumnado, dos mestres e das materias e con iso nos queremos quedar…