O alcalde de Ames e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García, indicou que “a valoración deste ano é moi positiva, creo que os nenos e nenas que levan xa un tempo participando no programa tamén se van adaptando e imos continuar co Modo Galego. Os datos están aí e é necesario seguir apoiando e traballando pola nosa lingua con programas coma este que fomenten o uso do galego entre os máis mozos. Temos asinado coa Real Academia Galega un convenio para continuar con este programa ata o ano 2026, polo que o Modo Galego está garantido nas escolas de Ames, pois as rapazas e os rapaces son o futuro do galego, e é con elas e con eles cos que debemos traballar na conservación do idioma”.
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, destacou que “a Xunta participará e colaborará neste proxecto porque coincide coa estratexia e cos datos que estamos manexando. Sabemos que un dos espazos máis importantes para normalizar o uso do galego é o ámbito educativo e dende dito ámbito pódese actuar en varios espazos, no propio interior das aulas coa parte formativa, pero nós entendemos que hai que incidir no apartado da socialización. Temos que conseguir iniciativas que permitan que os nenos ademais de ter as competencias en galego, socialicen en galego. Creo que esta iniciativa recolle perfectamente esta filosofía, a de activar o modo galego no comedor, no patio e nas actividades extraescolares. Creo que esta é a fórmula para normalizar o uso do galego e que o interioricen para ter unha sociedade no futuro máis formada e máis comprometida, e sobre todo, que sexamos quen de seguir transmitindo este legado do patrimonio máis importante que temos que é o noso idioma”.
O coordinador do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, dixo “creemos que é moi importante realizar este tipo de iniciativas que están moi apegadas ao terreo, porque conseguen involucrar as familias e os centros de ensino. Está pensado como un modelo que se pode exportar a outros concellos, pero para adquirir unhas dimensións maiores, precisa dos apoios locais dos Concellos, pero tamén da Xunta de Galicia. Estamos pendentes de facer unha avaliación detallada sobre como está resultado este ano a experiencia do Modo Galego, Actívao! no concello de Ames, pero xa podemos adiantar que nesta edición constátase unha maior adhesión tanto dentro coma fóra das aulas. Xa conseguiramos moita participación en edicións anteriores, pero o gran éxito deste ano é a gran implicación das familias”.
Un mes para activar a lingua
A terceira edición de Modo galego, actívao! propuxo unha serie de iniciativas que se desenvolveron ao longo dun mes. A primeira semana asinouse o Acordo de compromiso lingüístico nas aulas da ESO e negociouse entre o profesorado e o alumnado unha serie de recompensas acordes co nivel de implicación de cadaquén. Se seguido, propúxolles aos estudantes de secundaria un reto semanal, como procurar que persoas da súa contorna se animen tamén a comprometerse coa activación do galego ou buscar a complicidade de artistas.
Para infantil e primaria, houbo un reto diario ata hoxe 14 de febreiro, animando os nenos e nenas a compartiren soños, música, trabalinguas ou películas en galego, e propoñéndolles tamén que buscasen a complicidade doutras persoas para activaren o idioma propio de Galicia a través de cartas ou a gravación de audios. Por cada desafío cumprido, a rapazada recibiu un adhesivo que representa un superpoder co que completar unha sorte de cartilla do programa, deseñada por Ruth Caramés.
Colaboración de distintas personalidades
A iniciativa contou coa colaboración de distintas personalidades, para presentar os distintos retos diario que tivo que desenvolver o alumnado; o presidente da RAG, Víctor Freixanes; o alcalde Ames, Blas García; o Apalpador e o Pandigueiro; o director do IES do Milladoiro e músico, Manolo Maseda; o músico apaixonado dos instrumentos, Cé Orquestra Pantasma; a actriz de dobraxe, Antía Castro; a comunicadora e cantante da orquestra Panorama, Fátima Pego; e a contadora e actriz Bea Campos.