Segundo explica a asociación, recentemente teñen acontecido varias pelexas multitudinarias a altas horas da madrugada que teñen alarmado á veciñanza. O pasado xoves 2 de outubro, arredor das 6:00 da mañá, aconteceu unha pelexa multitudinaria no entorno da Praza Roxa e República do Salvador, con moitas persoas implicadas, que fixo necesaria a intervención de varias patrullas policiais e ambulancias.
Poucos días despois, o sábado 4 de outubro, arredor das 5:00 da mañá, tivo lugar unha segunda pelexa multitudinaria no entorno da rúa Nova de Abaixo, ás portas dun coñecido local de ocio nocturno, na que se viron implicadas máis de 20 persoas e que obrigou á intervención de varias patrullas e ambulancias con numerosos feridos, segundo relatan os veciños.
Unha hora despois, arredor das 6:30 da mañá, tivo lugar outra pelexa no entorno doutro local de ocio nocturno, cuxo propietario tamén o é do anterior local. Nesta liorta agrediron a unha muller, que non presentou denuncia. Segundo relatan os veciños presentes, as persoas implicadas ameazáronse con botellas cortadas en plena rúa, e non acudiu ningunha patrulla policial.
A asociación indica que se presencian pelexas un día si e outro tamén arredor de determinados locais de ocio nocturno, e que as persoas implicadas ameázanse con navallas. Lembran que hai dous anos morreu unha persoa ás portas dun destes locais, e pouco tempo despois feriron a outra persoa ás portas doutro local en Santiago del Estero. Engaden que moito se temen que calquera día haxa que lamentar outra desgraza.