A través dun formato próximo e coidado, o documental 8M A Voces recolle testemuños de vidas reais e diversas, mulleres con experiencias, rutinas e historias diferentes, que comparten reflexións arredor da igualdade, dos avances acadados e dos retos que aínda persisten no día a día. Non hai un só modo de ser muller: cada historia é única, mais todas teñen elementos comúns, desafíos compartidos e unha forza que merece visibilidade.
Este documental tece un espazo de diálogo honesto, onde a palabra se transforma en ferramenta de memoria, conciencia e transformación social. Máis alá da reivindicación puntual do 8 de marzo, 8M A Voces pretende ser un exercicio colectivo de escoita e recoñecemento, dando visibilidade á diversidade de realidades cotiás e fortalecendo o compromiso co Concello de Ames coa igualdade efectiva entre mulleres e homes. O proxecto pon en valor o grupo, a conversa e a forza das historias compartidas como motor de cambio, lembrándonos que as pequenas vidas cotiás tamén teñen un grande impacto.
Acto central do 8M
O acto central do 8M, presentado por Fátima Pego, comezou coa proxección dun vídeo no que se deu lectura ao manifesto institucional con motivo do 8M no que se explica que “cada muller é diferente, cada unha ten un sentir, cada unha vive distinto, non hai unha única maneira de ser muller, rurais e urbanas, mozas e maiores, de diferentes culturas e con diferentes capacidades e vivencias. Non somos un suxeito único, non somos unha categoría pechada, somos persoas diversas… Hoxe presentamos as nosas voces para deixar claro que non hai unha soa forma de ser muller, que non hai recuncho da nosa sociedade do que nos poidan afastar, nin espazo que non poidamos conquistar. Vivimos en Ames e queremos medrar sen límites, sen medos, sen violencias, con oportunidades reais para todas, porque non hai unha soa voz, hai moitas, e este 8 nde marzo vasnos ver, vasnos sentir, vasnos oír dicir a voces: Ames en igualdade”.
De seguido, interviu o alcalde, Blas García, que puxo en valor o papel realizado polas mulleres hai anos e en concreto de súa nai. “Unha muller que ademais de coidar aos seus dous fillos, coidaba tamén a súa nai, facía as tarefas da casa e da horta, e a maiores era mariscadora. Ademais, en moitas ocasións tiña que facer de nai e pai, porque moitas familias naqueles anos tiñan aos seus pais emigrados, polo que tiñan que facer dobre traballo. Conto isto porque creo que reflexa moi ben o traballo que fixeron e fan as mulleres do noso país, facendo de mulleres e homes ao mesmo tempo. Debemos ter presente todos os días a importancia da muller na sociedade galega, e na sociedade en xeral. Os homes temos que involucrarnos máis e estar máis presentes. Estamos nun momento no que están en perigo moitos dos dereitos adquiridos polas mulleres, grazas a vosa loita, polo que debemos de concienciarnos todos e todas e estar xuntos/as”.