Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2024.- A Enquisa estrutural a fogares, coñecemento e uso do idioma galego publicada hoxe polo Instituto Galego de Estatística reflicte que 7 de cada 10 persoas se comunican en lingua galega. Así o explicou hoxe o secretario xeral da Lingua durante a presentación das últimas novidades do portal Neofalantes.gal, a plataforma divulgativa e educativa posta en marcha en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela para analizar o proceso de incorporación do uso do galego por parte das persoas que tiveron outro idioma como primeira lingua.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude informou na Facultade de Ciencias da Comunicación que o portal impulsado polo grupo Novos Medios dá agora un paso máis e pasa de ser un sitio informativo a convertese nunha rede social para neofalantes na que compartir experiencias. Nesta presentación, Valentín García destacou que dos datos publicados hoxe, e que recollen o resultado das entrevistas realizadas ao longo do ano 2023, despréndese que se relaciona en lingua galega un 69,25% da poboación que vive en Galicia.
Deste xeito, tal e como incidiu, o galego “continúa na senda de ser a lingua cooficial máis empregada no conxunto do Estado e a maioritaria no territorio, sendo un 29,20% os que manifestan utilizar unicamente o castelán de maneira habitual”. Así, o responsable de Lingua da Xunta subliñou que “practicamente o 100% da poboación é quen de desenvolverse en galego na súa vida”, xa que a sondaxe conclúe que a maioría da cidadanía sabe falalo, dominando a expresión oral o 94,62% das persoas, mentres que, en canto á escrita, o 84,35% da sociedade recoñece ter competencias neste eido. Por outra banda, no que respecta á comprensión, en maior ou menor medida o galego falado é entendido nun 93,37%, mentres que o 96,35% asegura poder ler neste idioma.
Novos galegos
Valentín García precisou que a enquisa estrutural a fogares que se realiza cada cinco anos engade nun dous seus epígrafes que neste período de tempo a poboación procedente do exterior que chegou a Galicia é de máis de 115.000 persoas. “Trátase dun dato moi importante que inflúe directamente no incremento de castelanfalantes, converténdose nun nicho de potenciais neofalantes para os que desde a Administración autonómica xa estamos deseñando medidas como son os cursos específicos que anunciamos esta mesma semana”, puntualizou o secretario xeral.
Deste xeito, concluíu que os resultados do estudo “constatan que a situación sociolingüística de Galicia é dinámica e está en permanente evolución, mantendo un elevado coñecemento da lingua galega por parte dunha sociedade bilingüe que convive nos dous idiomas cooficiais nun territorio cun modelo que non xera conflitos”.