Yolanda Otero e José Ramón de la Fuente, acompañados dos veciños, percorreron estes dous barrios do norte compostelá, constatando de primeira man as necesidades dunha contorna marcada polo abandono e esquecemento que clama solucións, onde aos problemas de acceso súmase a falta de mantemento.
“A accesibilidade non pode seguir sendo un privilexio nin unha promesa electoral -subliñou a popular-, debe ser unha obriga cumprida, xa que non estamos a falar de imaxe ou estética, senón de dignidade, de respecto e sensibilización social”.
Os populares destacaron que a falta de xestión do goberno de BNG e CA está penalizando á veciñanza, sobre todo, á que precisa dunha contorna máis accesible.
“Compostela desmorónase baixo a incompetencia dun goberno minoritario -remarcou De la Fuente- xa que a capital de Galicia atópase inmersa nunha decadencia imparable, no caos dunha xestión municipal ineficaz, na que as veciñas e veciños sofren os estragos dunha cidade decadente, abandonada, mentres o goberno nacionalista non asume as súas responsabilidades, non ofrece solucións aos problemas da veciñanza”.
Os edís populares lémbranlle ao goberno nacionalista que a accesibilidade é un dos maiores retos das sociedades actuais e un indicador do progreso e de desenvolvemento social dunha cidade que esixe unha mirada inclusiva no deseño das estratexias públicas “pero, no caso de Santiago de Compostela, é unha asignatura pendente”, remarcaron.