As propostas para todas as idades continuarán o martes 22 co espectáculo de novo circo e acrobacias aéreas Dende arriba, da compañía Hípica Celta, e o mércores 23, con catro funcións do mago Antón xunto á obra de teatro infantil Barriga Verde e o Estragapandeiros, a cargo de Títeres Cascanueces.
Ademais, nenas e nenos contarán cunha festa propia neste Santiaguiño 2025. Celebrarase no campo do Souto o xoves 24 entre as 5 e as 9 da tarde e estará chea de diversión e sorpresas.
Este xoves 24, a festa estenderase dende a tarde ata ben entrada a madrugada cunha intensa programación, que se completará coa actuación da asociación cultural Rosalía de Castro no Xardín Botánico-Artístico; cun monólogo de Pepe Suevos; e coa animación musical do grupo padronés UYF’75, da banda Somoza Trío e do DJ Bruno Deejay.
O día grande das festas, venres 25 de xullo, celebrarase a tradicional romaría na área recreativa do Santiaguiño do Monte. A xornada iniciarase ás 10.00h coa misa na igrexa parroquial de Santiago, seguida da tradicional procesión ata o monte, lugar no que se celebrarán a misa grande cantada pola Coral Polifónica Padronesa e a popular sardiñada, con reparto gratuíto de cachelos, pan de millo e bolos preñados. Durante todo o día haberá animación musical a cargo dos grupos folclóricos O’Pedrón, Rosalía de Castro, San Pedro de Carcacía, A Arreixeira e Xoldra, mentres que a cativada poderá desfrutar dunha nova celebración infantil, con inchables de auga e festa holi, a partir das 16.30h.
O Concello poñerá en funcionamento un servizo de transporte adaptado para facilitar á subida ao monte dende o Campo do Souto.