O alcalde de Ames, Blas García, destacou que “o que queremos é, primeiro, recoñecer o traballo e sacrificio que facedes os deportistas, porque sabemos que é un sacrificio importante pola vosa parte pero tamén o sacrificio que facedes as familias a todos os niveis, cos desprazamentos ou compra de material deportivo. Non se trata dunha gran axuda económica, pero queremos que vos axude a financiar os gastos que tedes en viaxes, material deportivo, etc. Esta liña de axudas de bolsas púxose en marcha por primeira vez en 2024. Este ano dáselle continuidade a esta convocatoria de subvencións co obxectivo de promocionar o deporte local de Ames e axudar aos deportistas amesáns na consecución dos seus logros deportivos”.
A concelleira de Deporte, Susana Señorís, subliñou que “todos sabemos que no momento en que se empeza a practicar un deporte, as esixencias cada vez van sendo máis grandes, tanto a nivel de horas de adestramento como de material e con estas bolsas, pretendemos axudar e, sobre todo, seguir apoiándovos e para que sigades adiante desfrutando do que facedes. O que se pretende é axudar á práctica e ao rendemento deportivo, tanto en relación ao perfeccionamento técnico e á obtención de maior rendemento nas respectivas modalidades deportivas que practicades, como facilitando a vosa participación en competicións deportivas de alto nivel”.
Das 21 bolsa concedidas catro foron para deportistas que practican squash, tres para deportistas de ximnasia rítmica, outras tres para rapaces e rapazas que practican patinaxe, dúas para deportistas de karate, dúas para rapaces de piragüismo, e outras dúas para deportistas que fan karate. As cinco bolsas restantes foron para deportistas que practican xadrez, billar, taekwondo, esgrima e golf.
Concesión de 21 bolsas por valor de 10.000 euros
Os deportistas que obtiveron dita bolsa e acudiron a este acto de entrega foron: Brais Carreira Blanco (subcampión de squash na categoría sub 17 no campionato galego de 2024); Cosme González Delgado (terceiro clasificado no campionato galego base de conxuntos, na categoría xuvenil de ximnasia rítmica en 2024); Daniel García Lema (terceiro clasificado no campionato galego de piragüismo, na categoría K1 alevín B, en 2024); Diego Cacheiro Blanco (campión de España sub 18 de xadrez rápido en 2024); e Enzo Mato Del Río (terceiro clasificado no campionato galego de piragüismo, tanto de pista coma de fondo, na categoría K2 infantil B, en 2024).