Aitor Bouza califica o pleno das VUT como «un paripé» e afirma que «o tempo darame a razón»
O Partido Socialista de Santiago de Compostela atópase en plena crise tras a votación no pleno municipal sobre a ordenanza para regular as vivendas de uso turístico (VUT). Os seis concelleiros socialistas romperon a disciplina de voto establecida pola executiva local liderada por Aitor Bouza, e votaron a favor da ordenanza presentada polo goberno bipartito, en lugar de absterse como se lles ordenara.
Líder Redacción
25 de junio de 2024 a las 22:53
Aitor Bouza, secretario xeral dos socialistas composteláns, declarou hoxe en Radio Líder Santiago que «o tempo darame a razón» e cualificou o pleno de onte como «un paripé». Bouza subliñou que o aprobado no pleno só era «o formulario para as comunicacións previas» e cuestionou a eficacia da nova normativa preguntando á alcaldesa: «¿Cantos pisos se ilegalizaron dende onte?».
Bouza destacou que a decisión do futuro dos edís rebeldes depende do PSdeG-PSOE Provincial da Coruña e asegurou que «ninguén está por riba do partido nin dos seus Estatutos». Afirmou tamén contar co respaldo do partido e indicou que acatará calquera decisión que se tome respecto aos concelleiros disidentes.
O secretario xeral recordou que en Santiago xa estaban prohibidas as vivendas de uso turístico no casco vello e limitadas na cidade desde 2023, grazas á modificación do PXOM realizada polo PSdeG. Segundo Bouza, a nova ordenanza non altera estas restricións e considera que o goberno local utilizou a cuestión para distraer a atención das súas propias promesas incumpridas.
A executiva local socialista trasladará á dirección provincial a falta de cumprimento das normas do partido por parte dos concelleiros, solicitando que se adopten as medidas disciplinarias oportunas segundo os Estatutos do PSOE. Bouza defendeu que a súa proposta de abstención se baseaba en que a ordenanza sometida a votación non afectaba o fondo da cuestión e que se precisaba un acordo máis amplo e significativo para abordar a problemática das vivendas baleiras e a declaración de Santiago como «zona tensionada» para limitar os prezos dos alugueiros.
A entrevista completa no seguinte enlace.



