Outro dos momentos centrais da celebración será o pregón oficial e o nomeamento dos novos Embaixadores do Melindre. Nesta edición, o xornalista da Radio Galega Xosé Luis López Vila será o encargado de pronunciar o pregón e tamén recibirá esta distinción, xunto coa xerente de ASETEM, Pilar López López, e coa Asociación de Empresarios e Empresarias da Terra de Melide (ASETEM).
Sobre o pregoeiro, Igrexas destacou especialmente a vinculación persoal e familiar de López Vila con Melide, ademais do seu labor de difusión da vila a través da súa traxectoria profesional nos medios públicos galegos.
Durante a entrevista, o edil explicou que estas distincións aos Embaixadores do Melindre buscan recoñecer “aquelas entidades ou persoas que en algún momento, pola súa traxectoria profesional ou persoal, se involucraron na promoción tanto de Melide como dos doces tradicionais”.
No caso de Pilar López e ASETEM, destacou ademais a estreita colaboración que manteñen co Concello nas diferentes accións de promoción comercial, hostaleira e turística da vila.
Proxección exterior e impacto económico
O responsable de Promoción Económica incidiu tamén no impacto económico e turístico que ten a festa para Melide. “A repercusión para a hostalaría e o comercio é moi importante”, destacou durante a entrevista ao referirse á chegada de milleiros de visitantes durante a fin de semana.
Ademais, lembrou que a declaración de Festa de Interese Turístico Galego “marcou un antes e un despois” na evolución da cita e permitiu ampliar tanto a programación como a súa visibilidade exterior. Nesa liña, Igrexas explicou que o Concello continúa levando a marca da Festa do Melindre fóra de Galicia a través de diferentes accións promocionais. “A Festa do Melindre xa transcende máis alá da comunidade autónoma”, afirmou, facendo referencia a iniciativas desenvolvidas no País Vasco e ás previstas en lugares como Xenebra ou Canarias.
O edil destacou tamén a presenza da festa en espazos de promoción turística como FITUR e o traballo conxunto que se está desenvolvendo desde a Mancomunidade de Municipios Galegos do Camiño Francés, da que é vicepresidente, para impulsar a gastronomía como un dos sinais de identidade do Camiño de Santiago. Ademais, Igrexas sinalou que o obxectivo de futuro pasa por conseguir a declaración da Festa do Melindre como Festa de Interese Turístico Nacional.
A XXXIV Festa do Melindre celebrarase os días 9 e 10 de maio cun amplo programa de actividades pensado para todos os públicos e co obxectivo de seguir consolidando Melide como referente da repostaría tradicional galega. A programación completa pode consultarse en festadomelindre.gal