O acto de clausura estivo presidido polo presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, quen puxo en valor a relación entre a dieta galega e a lonxevidade dos habitantes de Ourense, provincia que aspira a converterse nunha das escasas “Zonas Azuis” do mundo, con 334 persoas centenarias na actualidade. Acompañárono a conselleira do Mar, Marta Villaverde, que destacou o compromiso da Xunta coa promoción dos produtos do mar e os seus beneficios, así como o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, e o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles.
Xantar reafirmou un ano máis o seu papel como plataforma de promoción dos produtos de calidade do agro e do mar galegos e como escaparate dinamizador do rural. Neste sentido, celebrouse hoxe o día dedicado ao concello de A Arnoia, ocasión na que o concelleiro de Turismo, José Manuel Martínez, apelou á necesidade de continuar investindo no medio rural para garantir o relevo xeracional e permitir que a agricultura deixe de ser unha economía de subsistencia para consolidarse como actividade rendible e xeradora de poboación. Ademais, destinos turísticos como O Grove aproveitaron a feira para potenciar a gastronomía como ferramenta de desestacionalización.
Durante o acto tamén se fixo entrega dunha placa conmemorativa a Carlos Rodríguez, presidente do Consello Regulador da IXP Pan de Cea ata hai dúas semanas, polo seu apoio continuado durante 26 anos.
Esta xornada estivo ademais dedicada aos patrocinadores e colaboradores de Xantar, celebrándose a tradicional entrega de placas. O evento volveu demostrar un elevado grao de cooperación público-privada, apoiado pola administración autonómica —a través da Axencia de Turismo de Galicia e das Consellerías do Mar e do Medio Rural— xunto a outras entidades como Economía Social de Galicia, a Dirección Xeral de Comercio ou a de Educación, que facilitou a presenza de varios centros de FP. Ademais, colaboraron a Deputación de Ourense e o INORDE.
Entre os apoios privados destacaron empresas como Gadis, Coren, Estrella Galicia, Cabreiroá, Grupo Cuevas e Bricocentro, xunto á colaboración da Deputación de Lugo e de Renfe como tren oficial. Tamén participaron como entidades colaboradoras ANFACO-CYTMA, Green Ambiental e a Praza de Abastos de Ourense.