A continuación interviu o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, que felicitou aos gañadores e gañadoras da noite e destacou a elevada calidade dos 15 proxectos desenvolvidos no marco do programa AMES AV-LAB, “que demostran o gran talento que hai en Ames dentro do sector audiovisual, así como a ilusión e traballo que hai detrás de cada unha destas series, películas, curtas ou documentais. Agora as vosas producións comezan unha nova fase, que é a de conquistar ao público e estou seguro de que oiremos falar moito dalgunhas delas nos vindeiros meses. A industria audiovisual galega precisa de novos talentos e ideas frescas e innovadoras como as que vemos aquí esta noite” afirmou o presidente.
Formoso destacou que AMES-AV LAB “é un exemplo de colaboración entre a Deputación da Coruña e o Concello de Ames para apoiar ao talento emerxente no audiovisual galego”, dentro dunha “aposta estratéxica” do goberno provincial por un sector que concentra máis de 700 empresas, factura 411 millóns de euros e xera 4.500 empregos na nosa comunidade. Unha aposta que culminará o vindeiro ano coa posta en marcha de Coruña Estudio Inmersivo (CEI), o maior estudio de produción virtual de España, que a Deputación está construíndo na Cidade das TIC da Coruña cun investimento de 9 millóns de euros, co-financiando pola institución provincial e o Goberno de España “co que queremos situar a Galicia como un hub audiovisual de referencia en Europa”, afirmou o presidente.
Por outra banda, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, explicou que “Galicia está chamada a converterse nun referente nacional e internacional en produción audiovisual porque a nosa riqueza cultural, as nosas historias e o noso talento humano ofrecen unha oportunidade única para liderar un sector cada vez máis estratéxico no ámbito global”. Neste senso, afirmou que o Goberno de España comparte esta visión e traballa para apoiala, proba diso son os máis de 4 millóns de euros que acaba de conceder o Ministerio de Cultura para a produción de longametraxes en Galicia. Finalmente, felicitou aos premiados e ao Concello de Ames e á Deputación porque proxectos coma este “achegan espazos de formación, creación e recoñecemento que fortalecen o ecosistema audiovisual galego”.
A concelleira de Promoción Económica mostrouse agradecida tanto pola boa acollida desta primeira edición do Ames AV Lab como pola dedicación da comisión de avaliación, que “desinteresadamente decidiu implicarse neste proxecto e adicar tempo da súa vida persoal e laboral para contribuír ao éxito desta aceleradora de proxecto audiovisuais”.