O proxecto Santiago Accesible (7 millóns) destaca pola instalación dun elevador para mellorar a accesibilidade ao barrio da Almáciga, previsto na intersección das rúas do Pino e de Touro, na súa parte alta, para conectar coa rúa de Ánxel Casal na súa parte baixa, como explicou a rexedora municipal. Ademais, Goretti Sanmartín explicou o proxecto para a reurbanización da praza de Ultreia e da súa contorna, con criterios de sostibilidade, accesibilidade e seguridade, recuperando a praza, potenciando o espazo de relacións e mellorando os percorridos peonís e as zonas verdes e de estancia.
Dentro desta liña de accions a tenenta de alcaldesa explicou o proxecto para a reurbanización da Avenida do Cruceiro da Coruña, “que se convertirá nun corredor ecolóxico urbano”. Para iso, apuntou Rozas, faráse unha nova distribución da vía, eliminando dous carrís, incorporando un carril bici e acondicionando zonas de estancia, “dándolle continuidade ademais á transformación que suporá a actuación do chamado conector central que chega ata o ámbito dos Basquiños”.
Tamén no proxecto Santiago Accesible inclúese a apertura dun novo viario de acceso ao barrio da Almáciga desde os Basquiños, conectando coa rúa Arzúa. Trátase dun viario que está previsto no PXOM desde 1989, e que mellorará notablemente a mobilidade na Almáciga.
Santiago Resiliente
Finalmente, Goretti Sanmartín destacou o proxecto marco Santiago Resiliente, con 3,3 millóns de euros en accións, inclúe a rehabilitación do colector de pluviais da avenida de Lugo para previr as inundacións nos puntos máis baixos, así como dous proxectos de renaturalización do río Corgo, na zona de Salgueiriños e de Vite. No primeiro destes puntos, ao carón da rúa Manuel María, recuperaráse un pequeno tramo do río que está soterrado, e melloraráse toda a contorna, incrementando o espazo destinado á veciñanza. En Vite, trátase de descanalizar o río Corgo, que actualmente discorre a través dun encofrado de cemento, e de renaturalizar as súas marxes
Prazo de execución 2029