Tamén é unha novidade do programa a iniciativa «Estrelas e desexos», unha convocatoria de ‘quedada’ na Alameda o sábado 30 de decembro, para que familias e grupos de amizades decoren conxuntamente a árbore central do Paseo, dando a benvida adiantada ao 2024 e deixando cadaquén a súa estrela, todo acompañado con música, instalacións de luces e cores e chocolatada, «como non pode ser doutra maneira nesta época do ano».
Comercio, Xuventude e Centros Socioculturais
Pola súa banda, a tenenta de alcaldesa, María Rozas, reivindicou un Nadal «espallado por todo o munipicio» e «que sexa para vivir, e non só para ver» e fixo un avance das principiais propostas de ocio relacionas co comercio e a xuventude «para desfrute de toda a veciñanza» que estarán centralizadas na praza Roxa e na Alameda, así como a programación específica da rede de CSC.
María Rozas destacou que se trata de «propostas de ocio para todos os públicos cunha programación pensada nas familias» pero que tamén buscan a «dinamización comercial» da cidade e que «pon o foco no pequeno comercio fronte á competencia das grandes superficies».
Desde o día 1 de decembro, a praza Roxa contará cunha carpa que acollerá concertos coas bandas dos locais de ensaio do Centro Xove da Almáciga nas noites dos venres e sesións vermú os sábados, actividades máis dirixidas ao público infantil, contacontos, sorteos de agasallos para a clientela do pequeno comercio…
Tamén para a cativada, a Alameda acollerá «Alameda en Xogo», un espazo que funcionará no período de vacacións escolares, do 22 de decembro ao 7 de xaneiro, salvo os días festivos, en horario de mañá e tarde, con distintas propostas para crianzas como rocódromo, piscina de bolas de neve, e moitos xogos máis.
Mercado de Nadal
Outra das citas «plenamente consolidadas» é o Mercado de Nadal, que un ano máis chega á rúa Carreira do Conde a partir deste venres 1 de decembro e ao que se sumará a partir do 22 de decembro ata o 5 de xaneiro o de Área Central.
«Haberá un total de 15 casetas, en cinco quendas rotatorias, de xeito que serán 75 os pequenos negocios que participarán desta volta no Mercado de Nadal de Carreira de Conde nos que haberá, como é habitual, un pouco de todo: artesanía, xoiaría, xoguetes, produtos gastronómicos…», detallou a edila.
A Carreira do Conde tamén acollerá un espazo de xogos vinculado ao Mercado de Nadal, que funcionará desde o 1 de decembro ata o 5 de xaneiro. O espazo de xogos estará aberto os venres pola tarde, os sábados e domingos e os festivos da ponte da Constitución.
María Rozas tamén avanzou a celebración da décimosegunda edición do Mercado da Estrela, «outra cita xa consolidada do Nadal en Compostela», que terá lugar do venres 15 ao domingo 17 de decembro, así como actuacións itinerantes polas zonas comerciais da cidade ou o concurso de escaparates de Nadal con case 7.000 euros en premios, entre outras actividades.
Rede de CSC
Ademais da programación dos «Matinais de Nadal» no marco dos actividades de conciliación, a tenenta de alcaldesa anunciou a celebración un ano máis do programa «Vive o Nadal», con propostas tanto para as crianzas como para as persoas adultas. «Teremos obradoiros de cociña, de decoración de Nadal, e volverá un ano máis a proposta do Agasallo Viaxeiro que a rapazada dos diferentes centros se intercambiará ao remate do Nadal; están programados diferentes espectáculos musicais, teatrais e contacontos por toda a rede de centros… teremos tamén as visitas do apalpador e dos paxes reais», engadiu.