Rianxo destina máis de 300.000 € en melloras de abastecemento, saneamento e vías en Leiro e Taragoña
O Concello de Rianxo vén de adxudicar dúas importantes actuacións en materia de abastecemento, saneamento e mellora viaria, que permitirán avanzar na modernización das infraestruturas municipais en distintas parroquias.
Líder Redacción
28 de noviembre de 2025 a las 16:01

Por unha banda, quedou aprobada a obra para a ampliación das redes de abastecemento de auga e saneamento nos núcleos de Or e Meiquiz, na parroquia de Leiro. Esta intervención solucionará a evacuación de augas fecais en todas as edificacións do lugar e permitirá conectalas á rede municipal de abastecemento.
Ademais, o proxecto contempla a renovación integral dos viais afectados polos traballos. A actuación conta cun orzamento de 208.785,50 euros e será executada pola empresa Movimiento de Áridos y Construcciones de Asora S.L.

Paralelamente, o Concello tamén adxudicou a renovación completa do firme do vial de acceso ao Montiño desde a DP-7203, en Taragoña. O proxecto inclúe labores de limpeza, rebaixe do pavimento nas zonas onde a pista coincide en cota coas parcelas, bacheo nos puntos máis deteriorados, instalación de novos imbornais e sumidoiros, e a aplicación dun novo aglomerado asfáltico en quente de 6 centímetros de espesor.
Esta actuación, que dá continuidade á realizada no mesmo vial en novembro de 2023, conta cun investimento de 102.952,85 euros e será executada pola empresa Nemesio Ordóñez S.A.
Con estes dous proxectos, o Concello de Rianxo reforza o compromiso coa mellora das infraestruturas básicas e das comunicacións internas no municipio.