O alcalde de Ames, Blas García, destacou que “hoxe é un día importante para O Milladoiro, e polo tanto tamén para o Concello de Ames, porque dáse o primeiro paso para rematar a obra de humanización da estrada nacional 550, aínda que este feito administrativo da recepción da obra non quere dicir que se rematen xa todos os traballos que quedan por facer. No mes de xaneiro veremos que os obreiros seguirán traballando para arranxar aquelas deficiencias e aqueles problemas que se van detectando, ou que se están detectando xa”.
“Ademais, hai que lembrar que esta non é unha obra que recepciona o Concello de Ames, senón que é competencia do Ministerio, pero aínda así imos estar vixiantes e recibiremos todas as notificacións e queixas que teñan os veciños e veciñas do Milladoiro, para trasladarllas ao Ministerio, co obxectivo de que estas obras queden rematadas do mellor xeito posible. Hai que recordar tamén que este é un dos investimentos máis grandes que se fai no núcleo do Milladoiro nos últimos anos, e sen dúbida, vai a ser algo que vai a marcar a diferencia do Milladoiro. Vai a cambiar O Milladoiro por completo, o que coñecíamos e o que imos a coñecer de agora en diante”.
O rexedor municipal tamén dixo “é certo que todas as obras xeran trastornos e problemas, pero esta sen dúbida, dentro duns anos, vai a ser a gran obra do Milladoiro, a que marcará a diferencia para dispor dun sitio máis humanizado, sostible, e onde se poida vivir con maior comodidade”.
Creación dunha contorna urbana máis sostible
Este proxecto está financiado polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible e conta cun importe de 4,4 millóns de euros (IVE incluído). Trátase dunha actuación executada co obxectivo de dotar dun carácter urbano ao tramo de 1,52 quilómetros da estrada N-550, ao seu paso pola avenida de Rosalía de Castro. Deste xeito, apóstase por unha mobilidade máis sostible, para atenuar o tráfico e adaptar a infraestrutura aos usuarios vulnerables, mellorando a mobilidade, a seguridade e a sustentabilidade desta travesía.