Un punto no que coincidiu o voceiro hoxe do grupo municipal do Partido Popular, Waldo Carballo García, quen apuntou que “neste momento non existe ningún tipo de alternativa política e tomamos esta decisión polo ben da nosa veciñanza”, valorando de forma “moi positiva” a “boa predisposición do alcalde en canto a ter en conta as propostas e achegas feitas dende o grupo popular nos últimos meses”. Deste xeito, sinalou que “o grupo municipal do PP no Concello de Brión, composto por un total de catro concelleiros nunha corporación de trece edís, vén de acordar que brindará o apoio necesario ao Goberno Local do PSOE no que resta de lexislatura co obxectivo de garantir a estabilidade necesaria para sacar adiante proxectos fundamentais para os veciños”.
Pablo Lago agradeceu a responsabilidade dos populares e sinalou que “tras as eleccións, e en aras de conseguir unha maioría que garanta a estabilidade do Goberno, dende esta Alcaldía iniciamos conversas cos dous grupos da oposición de cara a chegar a un pacto de Goberno que evitara inestabilidades e dilatación de prazos á hora de aprobar medidas en beneficio dos nosos veciños e veciñas. Co BNG de Brión non foi posible ningún tipo de entendemento, nin sequera para a elaboración dos primeiros orzamentos participativos da historia de Brión. Pola contra, dende o Partido Popular si que se recolleu ese convite e dende o inicio da lexislatura teñen presentado propostas concretas e reais tanto para os Orzamentos como para o POS da Deputación”.
Debate
O anuncio tivo lugar tras a aprobación dunha modificación orzamentaria para consignar unha dedicación parcial de 15 horas semanais ao concelleiro popular Waldo Carballo por un importe de 600 euros brutos ao mes, aplicable dende o vindeiro mes de agosto. Unha dedicación pola que asumiu tamén hoxe unha serie de delegacións de funcións por parte da Alcaldía tales como a representación do Concello de Brión no refuxio de Bando ou no padroado da Ruta Rosaliana, así como a presidencia dunha comisión informativa plenaria.
O voceiro do BNG, Xosé Luís Penas, xustificou o seu voto en contra no feito de que “están incorporando ao PP ao Goberno do Concello de Brión” cando “os cidadáns hai dous anos dixeron que houbera un Goberno de esquerdas”, se ben apuntou que “o pacto que hoxe se formaliza, a xente xa o coñecía porque xa se vía nos Plenos, onde o PP non fixo oposición durante os últimos dous anos”. Un acordo que cualificou de “ben estraño”, pois supón “faltar á ética e á estética”.