A concelleira detallou que nesta ocasión o desfile contará coa participación de 8 compañías profesionais de Galiza e doutras partes de Europa, “que nos agasallarán con espectáculos protagonizados por acrobacias, danza e música, engadindo un toque de maxia e talento nacional e internacional á celebración”, e fixo un especial recoñecemento ao traballo das escolas de danza de Compostela Mandala e Cancunquinqué, así como á colaboración de asociacións como Armatroulas e da Escola de Música, que participará coa súa sección de corneta.
A cabalgata estará composta por cinco carrozas: tres carrozas para os Reis Magos, que irán acompañadas polos seus paxes e heraldos reais; a carroza da Carteira Real, que levará a maxia das cartas escritas polos nenos e nenas de Compostela; e a gran novidade, a carroza da Boa Estrela, que abrirá o desfile iluminando o camiño con bos desexos para todas as persoas que se acheguen a vivir esta noite tan especial.
Unha vez chegados á praza do Obradoiro, cativada «de todas as idades» poderá gozar do concerto do grupo de música infantil María Fumaça, que porá o broche de ouro a esta xornada e dunha chocolatada «para combater as temperaturas de xaneiro».
Outras actividades
O vindeiro luns 30 de decembro, a partir das 17 horas na contorna do palco da música da Alameda, terá lugar a actividade “Estrelas e Desexos”. Pilar Lueiro convidou a toda a veciñanza a achegarse e colocar a súa estrela de oito puntas cos seus desexos na árbore, nun evento con música a cargo do Coro Encaixe e chocolatada.