Bouza advertiu de que a situación actual non admite máis demoras nin escusas entre administracións e denunciou a falta de acción institucional. “Falamos dun problema tanto de ámbito municipal como de ámbito autonómico, que é o tema da vivenda”, sinalou.
O deputado socialista criticou a falta de apoio de PP e BNG ás propostas socialistas no Parlamento para mobilizar a vivenda baleira. Desde o PSdeG amosáronse sorprendidos “pola actitude non do Partido Popular, que é a de sempre, senón do Bloque Nacionalista Galego, non só na súa intervención, senón tamén na súa votación, non apoiando esta proposta”.
Bouza lembrou que a creación dun banco público de vivenda baleira figura no propio programa electoral co que Goretti Sanmartín se presentou ás eleccións municipais, no que “poñía claramente esixir á Xunta a creación dun banco galego de vivenda co obxectivo de administrar e xestionar as vivendas baleiras para poñelas en alugueiro a prezos accesibles”, cuestionando así a coherencia do goberno municipal do BNG.
No ámbito local, Bouza puxo o foco na responsabilidade directa do Concello para actuar de inmediato, “o que queremos hoxe é reclamar á alcaldesa que no ámbito local se faga ese banco público municipal, como se está facendo noutros concellos como Lugo”, sinalou.
No plano autonómico, o deputado socialista cargou contra a política da Xunta de Rueda e do Partido Popular en materia de vivenda, citando o programa Fogar Vivo. “De máis de 500.000 vivendas baleiras en Galicia, este programa moveu supostamente axudas a 239. Esta é a política da Xunta para mobilizar a vivenda baleira. Isto é unha auténtica vergoña”, denunciou. Ademais, cuestionou a falta de alternativas reais do PP, “temos que preguntar cales son as súas solucións, porque a vivenda que prometen só son anuncios de futuro”.