O programa Amessán inclúe unha ampla oferta de actividades saudables para maiores de 60 anos e persoas con discapacidade funcional. Impártense un total de 11 actividades en 13 lugares diferentes
A concelleira de Benestar Social, Uxía García, explica que “o programa Amessán permite o contacto social entre os seus participantes. É unha ferramenta moi importante para manterse activos e facer vida social. A parroquia de Covas inclúese novamente dentro do programa. Tamén se aumentan tres actividades no Milladoiro, unha delas é a e canto coral, que se viñan demandando dende hai tempo”
Ames, 23 de setembro de 2024.- A radio municipal, Ames Radio, recibiu hoxe a visita da concelleira de Benestar Social, Uxía García, e do coordinador da Oficina de Voluntariado de Ames, Rubén Ramos, para falar das novidades que presenta o programa Amessán de cara ao curso 2024-2025. Respecto da edición anterior creouse un novo grupo na parroquia de Covas. Ademais, no Milladoiro impártense tres novas actividades: movemento terapéutico, obradoiro de música tradicional galega, e canto coral. O programa Amessán inclúe unha ampla oferta de actividades saudables para maiores de 60 anos e persoas con discapacidade funcional. Impártense un total de 11 actividades en 13 lugares diferentes. As distintas actividades e obradoiros impartiranse en Bertamiráns e no Milladoiro, así como nos locais sociais de Agrón, Trasmonte, Oca, Augapesada, Bugallido, Tarroeira, Cruxeiras, Covas, Tapia, Piñeiro e Lens. As actividades comezarán o 1 de outubro.