Villa subliñou que o goberno local “está deixando Santiago á súa sorte” e advertiu de que “non hai ningunha área que funcione de forma correcta baixo o mandato do BNG e CA”, engadindo que, neste caso, a gravidade é maior ao tratarse “de vidas, como as dos animais”. Segundo indicou, a expulsión do voluntariado supón represalias contra persoas que realizan un labor altruísta e imprescindible para o benestar dos máis de 500 animais aloxados no refuxio.
O edil popular afirmou que a presidenta do Padroado, Goretti Sanmartín, está a tomar “decisións unilaterais e autoritarias” sen consultar ao órgano, formado por 14 membros, o que considerou “unha falta de respecto sen precedentes”. Ademais, criticou que a alcaldesa non participe de forma presencial nas reunións, escudándose na vicepresidencia para tomar decisións “sen dar a cara”.
Dende o PP lembraron que xa en xaneiro de 2024 se denunciou unha situación crítica no Refuxio de Bando e que, un ano despois, a situación non só non mellorou, senón que se agravou con avisos e infraccións alertadas polos representantes sindicais dos traballadores. Villa advertiu de que a falta de persoal, de instalacións adecuadas e de protocolos está a xerar unha situación de risco, chegando a provocar incidentes como o ataque dun can a un traballador, que, segundo afirmou, non se debeu á agresividade do animal, senón á ausencia de atención e traballo continuado cos cans.