O PP denuncia novamente a suba desmesurada do IBI en Melide
Melide, 16 de outubro de 2025. O Partido Popular de Melide quere amosar novamente o seu rexeitamente á suba do Imposto de Bens e Inmobles, comunmente coñecido como “contribución”, que se está facendo efectiva nos últimos días en Melide.
Líder Redacción
16 de octubre de 2025 a las 17:21
Cómpre recordar que esta suba foi aprobada polo tripartito local nos pasados meses, unha suba do 18% e que implica unha presión importante para os particulares pero especialmente para os negocios.
Así mesmo, preguntámonos en que repercute postivamente aos melidendes este incremento dos impostos e este aumento da recaudación. O goberno de Pérez tenos acostumados a subir impostos e taxas municipais, pero os investimentos non aparecen por ningures e a imaxe do mantemento de Melide é lamentable.
Por exemplo, resulta inaceptable que se asfixie aos veciños e veciñas de Melide, obrigados a pagar un 18% máis de IBI este ano, mentres os servizos que ofrece o Concello son cada máis deficientes, as rúas son intransitables en moitos puntos, apenas temos Policía Local, os parques infantís presentan grandes carencias e as pistas do rural son directamente impresentables.
Dende o PP de Melide apuntase que a xestión económica e dos recursos que fai este goberno é difícil de comprender: “É moi dificil explicar como é posible que se suban os impostos continua e masivamente, pero ao mesmo tempo o mantemento da vila é nulo, ninguén se acorde do rural, ou mesmo que aínda tendo máis recaudación decidan desviar 900.000€ do aforro municipal para pagar gastos correntes”, sinalan.
O grupo popular seguirá fiscalizando este despropósito económico e traballando para evitar que os comercios sigan pechando e a cidadanía teña que pagar cada día máis por ter peores servicios. Xa está ben de malgastar os recursos de todos.



