“Por estas deficiencias, algunhas vivendas da zona tamén padecen as consecuencias, chegando a rexistrarse inundacións de inmobles, como os que tiveron lugar coas choivas do inverno pasado, polo que -destacou Barcia- consideramos urxente que o goberno de BNG e CA execute actuacións de mellora e mantemento no firme e nas gabias destes viais, garantindo, así, a seguridade viaria e a tranquilidade da veciñanza”.
Así mesmo, a edil popular tamén se referiu ao Camiño de Defuntos, “unha vía que conecta a parroquia de Fecha coa estrada que une Lamascal con Ponte Albar, un vial moi utilizado por veciños e veciñas e que, na actualidade, se atopa en malas condicións pola falta de mantemento, polo que precisa dunha intervención con urxencia, algo que a veciñanza leva solicitando dende hai tempo”.
Nerea Barcia tamén indicou que, “os veciños tamén reclaman un parque biosaudable, un espazo que sirva tanto para maiores como para pequenos, un lugar de encontro e convivencia, onde as persoas maiores poidan facer exercicio, manter unha vida activa e, ao mesmo tempo, fortalecer os lazos sociais coa súa comunidade”.
Por outra banda, a popular trasladoulle ao goberno nacionalista unha inquedanza da veciñanza desta parroquia compostelá, que segue sen coñecer en que condicións se atopa, na actualidade, o inmoble da antiga escola de Albudiño e se se podería poñer a disposición das veciñas e veciños, para o desenvolvemento de actividades e programas de interese xeral?”
“Esta escola leva pechada desde hai anos, pero os veciños demandan información e o Partido Popular entende que os bens públicos deben ser xestionados de forma eficiente e útil, e a comunidade ten dereito a saber como e para que se están a empregar, polo que reclamamos información clara e inmediata sobre a situación do antigo grupo escolar”, engadiu.