“A idea -subliñou De la Fuente-, era facer un plan de actuación que localizara os puntos máis problemáticos nos que se teñen producido asolagamentos de forma recorrente e que se aproveitara o verán para facer as labores de limpeza, roza e mantemento, e así garantir que, antes do mes de setembro, todas as beiras dos ríos foran revisadas e obxecto dunha intervención adecuada”.
O edil popular indicou que a realidade é ben distinta, porque “o goberno nacionalista non fixo nada de nada, e xa non se poden agochar detrás da falta de tempo ou de acontecementos meteorolóxicos imprevisibles, porque contaron con meses de sobra e están avisados por veciños e oposición, polo que son coñecedores desta problemática, a pesar do cal non tiveron a ben poñerse a traballar e limpar os ríos e as redes de sumidoiros da cidade”.
“Con isto, -indicou- a estas alturas, cando todo debería estar feito esperando as primeiras chuvias, nin se limparon rios, nin se sanearon sumidoiros, que poden verse obturados pola inxente cantidade de folla que inunda as nosas rúas”.
José Ramón de la Fuente explicou que, “a pesar de que isto leva anos sucedendo e as chuvias sempre acaban chegando, o BNG non fixo absolutamente nada para limpar a ribeira dos ríos e prever unha situación que se dá ano tras ano, sen que se tome conciencia do problema e das consecuencias que teñen para a veciñanza”.
“No inverno do ano pasado, a pesar de que advertimos desta circunstancia, a indolencia dos nacionalistas e a súa falta de previsión provocou, en varios puntos da cidade, inundacións que poderían terse evitado se se tivera feito una adecuada limpeza de árbores e maleza”, destacou.