Choque polo servizo dos Centros Socioculturais en Santiago: críticas do PP e resposta do goberno
O Partido Popular de Santiago, a través do seu concelleiro José Ramón de la Fuente, criticou duramente a situación actual da rede de Centros Socioculturais, asegurando que esta semana “moitas das actividades habituais non se realizaron porque os monitores non se presentan a dirixilas”. O edil popular cualificou de “catastrófica” a xestión do departamento e advertiu que a suspensión de actividades xera un “profundo malestar” entre os usuarios, que en moitos casos se presentaron nas instalacións sen recibir aviso previo da cancelación.
Líder Redacción
6 de octubre de 2025 a las 14:29
Segundo De la Fuente, os contratos vixentes “non están dimensionados ás necesidades actuais, nin técnica nin economicamente, o que provocou o deterioro progresivo da calidade do servizo e agora mesmo a súa paralización”. O concelleiro lembrou que o PP xa viña advertindo desta situación desde 2023 e reclamando unha nova licitación, “pero o goberno de BNG e CA optou por prorrogar contratos insostibles, mesmo con empresas pedindo a rescisión”.
O popular tamén denunciou atrasos no pago aos traballadores, aos que “se lles deben tres nóminas”, e esixiu á alcaldesa que “cese ao concelleiro de Centros Socioculturais, asuma directamente a xestión e devolva de inmediato as cantidades cobradas aos usuarios que non recibiron as clases ou actividades programadas”.
O goberno local responde cun novo contrato
En paralelo a estas críticas, a Xunta de Goberno aprobou este luns o inicio da licitación do servizo de xestión da rede de Centros Socioculturais, que contará cun incremento orzamentario do 24% con respecto ao contrato en vigor, o que supón preto de 400.000 euros máis ao ano. O contrato, cun importe total de 3,4 millóns de euros para dous anos prorrogables por outros dous, dividirase en tres lotes: atención ao público, biblioteca pública José Saramago, e dinamización e mediación sociocultural.
O concelleiro de Centros Socioculturais, Xan Duro, explicou que o obxectivo é “ofrecer un mellor servizo ás persoas usuarias atendendo tamén ás necesidades laborais do persoal”. Entre as melloras previstas figuran máis horas de servizo, a ampliación de horarios en varios centros —incluíndo apertura en mañá de instalacións como Romaño e Vite—, a creación dunha nova web para a biblioteca José Saramago, e o reforzo de actividades de ocio, cultura, benestar e novas tecnoloxías.
Duro subliñou que cos novos pregos “poderanse solventar déficits detectados na rede, homoxeneizar horarios e atender demandas históricas da veciñanza, especialmente da poboación maior”. As empresas interesadas dispoñen de 35 días naturais desde a publicación do anuncio para presentar as súas ofertas.



