O expediente someterase agora a un trámite de información pública e audiencia de 30 días hábiles. De non haber alegacións á norma, entenderase definitivamente aprobada; se hai alegacións, deberá resolvelas o Pleno e aprobar definitivamente a ordenanza.
Goretti Sanmartín explicou que este texto só regula o procedemento de comunicación de usos asimilados ao de vivenda e que en ningún caso entra a regular ou regularizar usos preexistentes aos establecidos no planeamento vixente. Neste sentido aclarou que os informes xurídicos conclúen que nesta altura non é posible legalizar actividades preexistentes á modificación do PXOM que non fosen expresamente tratados nunha disposición da propia norma naquel momento. Tanto a rexedora como o concelleiro agradeceron o apoio do grupo municipal socialista.
Aprobación da modificación do PXOM no ámbito das escolas de Maxisterio
O Pleno tamén deu luz verde á aprobación inicial da modificación do PXOM núm. 1 no ámbito da OE-6. Xoán XXIII – Universidade. Trala suspensión previa dos actos suxeitos a licenza e comunicación previa nesta parcela catastral ocupada polas antigas Escolas de Maxisterio aprobada na sesión ordinaria de setembro de 2023, o Pleno dá agora un paso máis con esta aprobación inicial, que contou cos votos a favor de BNG, CA e PSOE e coa abstención do PP.
O obxectivo desta modificación é protexer o valor arquitectónico e ambiental do edificio e de reconsiderar os usos previstos polo planeamento vixente. A ordenanza especial vixente delimita dúas parcelas: unha cualificada como sistema local de equipamento docente (ocupada polo colexio López Ferreiro) e outra de uso hoteleiro que hoxe ocupan as facultades de Enfermaría e de Ciencias da Educación. A recualificación desta última para uso hoteleiro en 2002 foi resultado dun protocolo asinado no ano 1999 entre o Concello, a Xunta de Galicia e a USC para a creación do novo Campus de Ciencias da Saúde, unha ordenanza que despois de 20 anos, o executivo municipal quere «revisar e adaptar ás novas necesidades de interese público e ás actuais demandas de ordenación urbanística da cidade».
O edificio que hoxe alberga o colexio López Ferreiro e as Facultades de Enfermaría e de Ciencias da Educación ocupa unha parcela de forma aproximadamente triangular situada na esquina entre a Avenida de Xoán XXIII e a rúa dos Xasmíns, cunha superficie aproximada da parcela de 8.798 m². O conxunto foi proxectado en 1967 por Fernando Moreno Barberá e constitúe un exemplo relevante da arquitectura docente do Movemento Moderno, polo que alberga «elementos dignos de protección».