O Club Ribeira FS denuncia insultos racistas e xenófobos a dous xogadores en León
O Club Ribeira Fútbol Sala fixo público un comunicado nas súas redes sociais para denunciar os feitos ocorridos durante o encontro disputado onte polo seu equipo xuvenil de División de Honra na localidade leonesa da Bañeza.
Líder Redacción
20 de octubre de 2025 a las 18:15
Segundo explica a entidade, dous dos xogadores do conxunto ribeirense tiveron que soportar “insultos racistas e xenófobos por parte dun pequeno sector do público” durante boa parte do partido. O club manifesta a súa “máxima repulsa e malestar polos devanditos feitos” e amosa o seu apoio total aos futbolistas afectados.
Dende o Ribeira FS consideran que este tipo de actitudes “non teñen cabida no mundo do deporte” e agardan que as desculpas e explicacións ofrecidas pola directiva do club rival, La Bañeza FS, “se convertan en accións, xa que se trata de feitos moi tristes, graves e inadmisibles que non deben volver repetirse”.
O comunicado conclúe cunha mensaxe clara a favor do respecto e a convivencia: “Por un deporte libre de odio e xenofobia.”