O festival contará con máis de catro horas e media de música en directo repartidas entre sesións de mañá e tarde, ademais de actividades paralelas pensadas para toda a familia, como food trucks, xogos, inchables ou espazos de lecer. Un dos aspectos máis singulares do evento é a dimensión do escenario, no que coincidirán simultaneamente decenas de músicos interpretando os mesmos temas. “Hai cancións nas que teremos once baterías, once guitarras ou máis de corenta persoas sobre o escenario ao mesmo tempo”, sinalou.
A programación combinará clásicos do rock de diferentes décadas con temas máis actuais e incluirá colaboracións especiais de bandas galegas consolidadas. Segundo Hernández, o obxectivo é “abrir novos mundos musicais e ofrecer alternativas aos máis novos”.
Campamentos musicais de verán
Durante a entrevista tamén houbo espazo para falar dos campamentos musicais de verán que A Casa do Rock organiza desde o ano 2015 e que cada ano reúnen a centos de nenos e nenas. Estes desenvolveranse entre os meses de xuño e xullo, ademais dunha última semana en agosto, e están dirixidos a participantes de entre 3 e 12 anos.
A proposta combina música, xogos e actividades ao aire libre nun formato pensado tanto para a aprendizaxe como para facilitar a conciliación familiar durante o verán. “Todos tocan instrumentos reais: baterías, guitarras, baixos, teclados… e cada día traballan con profesores e actividades diferentes”, explicou Hernández.
A programación inclúe tamén xogos musicais, percusión corporal, concertos didácticos, creación de bandas e obradoiros creativos, nun ambiente no que a convivencia e as amizades xogan un papel fundamental. “Moitos rapaces chegan sen experiencia previa e descobren aquí a súa paixón pola música. E o máis bonito é ver como despois crean bandas, seguen tocando xuntos e manteñen esas amizades”, destacou.