Para o BNG, o PP está poñendo «alfombra vermella a Cobre San Rafael para facilitar e axilizar unha mina que terá gravísimas consecuencias non só na propia comarca senón na contaminación do río Ulla, os seus afluentes e a ría da Arousa, a máis produtiva a nivel marisqueiro do noso País con preto de 4.000 postos de traballo, cun impacto no desenvolvemento económico e a perda de emprego nos sectores afectados».
A deputada Iria Carreira denuncia que «o PP dálle as costas, máis unha vez, á xente, á comunidade veciñal e social que se opuxo a este proxecto mineiro e se sinte traicionada pola conivencia da Xunta cunha empresa á que se lle poñen todas as facilidades para sacar beneficio a costa de destruír o o noso patrimonio natural e os nosos recursos económicos».
A decisión da Xunta é, para o BNG, un novo ataque á saúde, á diversidade medioambiental e aos ecosistemas fluviais e mariños afectados pola mina. «As consecuencias son gravísimas, porque se lle reducen os trámites administrativos a un proxecto que só vai ter beneficios para a empresa e prexuízos irreparábeis para a xente da comarca e para o país», sinala Iria Carreira.
A organización nacionalista bota abaixo así os argumentos empregados polo PP para xustificar a decisión, fundamentalmente o investimento de 200 M€ e a creación de 394 postos de emprego directo, cando ocultan que o proxecto ocasionaría prexuízos non cuantificábeis na contaminación do río Ulla, os seus afluentes e a ría da Arousa, cun impacto directo sobre o emprego existente na comarca e nas poboacións da bacía.
Lembran que na mina de Touro se extraeu cobre ata 1986 e, desde aquela, o espazo vén sendo empregado por Explotaciones Gallegas para a obtención de áridos, sen que se acadase neste tempo unha restauración e xestión adecuadas, como veñen poñendo de manifesto sucesivos episodios de contaminación das augas circundantes, que acaban no río Ulla e na ría de Arousa, saldándose con sancións leves. No ano 2018 foi impulsado un proxecto, denominado Cobre San Rafael, para retomar a extracción de cobre, mais desatando unha forte oposición, tanto ecoloxista como veciñal. O proxecto recibiu unha declaración de impacto ambiental negativa por parte da Xunta de Galiza a comezos do ano 2020, sen que isto fixese desistir á empresa das súas aspiracións.