A organización tamén quixo reivindicar o papel da carballeira como espazo simbólico da cultura popular galega.
“Queremos recuperar a carballeira como lugar de encontro, como espazo onde historicamente se compartiron grandes momentos”, sinalou Martín Ramos, quen subliñou ademais a importancia de adaptar esas tradicións “ao mundo contemporáneo”.
Xa o domingo chegará a tradicional festa de San Isidro, unha das citas máis agardadas pola veciñanza, cun completo programa festivo que incluirá misa, sesión vermú, gastronomía popular, xogos infantís e a actuación da orquestra Suavecito.
Ao longo da entrevista, Ramos tamén puxo en valor o dinamismo cultural que vive actualmente Ames e, especialmente, o interese crecente das novas xeracións pola música e o baile tradicional galego.
“Estamos nun momento de máximo interese pola cultura tradicional. Hai moitísima xente nas escolas de baile, pandeireta, tambor ou gaita”, destacou.
Segundo explicou, este rexurdir cultural representa “unha oportunidade fabulosa” para fortalecer tanto a lingua como a participación social.
“Non só queremos ser espectadores da cultura, senón tamén creala e desenvolvela”, afirmou.
Desde a organización fan un chamamento aberto á veciñanza de Ames, Santiago e toda a comarca para achegarse durante esta fin de semana a Bugallido. “Estamos a cinco minutos de Compostela e todos están convidados a celebrar con nós”, concluíu Martín Ramos.