Ás 21:00 h, Martina López leu un emotivo pregón no que afirmou:
“Como padronesa é evidente a honra tan grande que supón ser a pregoeira das Festas da Pascua de Padrón. Non atopo palabras de agradecemento suficientes cara ao meu Concello e síntome moi orgullosa de pertencer a un pobo que non só pon en valor o papel da muller local, senón que tamén se esforza por visibilizala, creando referentes para as xeracións presentes e futuras de mulleres da nosa contorna”.
A deportista, campioa de España de media distancia na súa categoría en 2021, foi presentada pola creadora de contido Sara Seco Rial, recoñecida polo seu traballo en TikTok e galardoada no certame Youtubeiras +.
Tamén se celebrou a XLIV Carreira de Pascua, con máis de 600 participantes, sendo vencedores Tina Fernández (SD Compostela Atletismo) e Nico Domínguez (Club Atletismo Sar). Inaugurouse ademais a 52ª Feira de Maquinaria Agrícola e Industrial.
A música chegou coa actuación das orquestras La Fórmula e Unión y Fuerza, enchendo de festa o Fondo de Vila e o paseo do Espolón.
Domingo de Pascua: Haberá pasarrúas, Feira Cabalar con concursos e doma de alta escola, música da Banda Municipal e actuacións das orquestras Magos, París de Noia e Renovation Experience by Ricky Galende.