A concelleira recordou que no Pleno de xullo o grupo municipal socialista xa advertira deste bloqueo e reclamara medidas urxentes. “Solicitamos a aceleración inmediata do PEOSE do SUND-29 e a creación dunha comisión técnica Xunta – Concello para planificar o solo industrial con criterios obxectivos e rigorosos”, afirmou. “Nada diso avanzou”, engadiu.
Abal defendeu que Santiago necesita activar outras alternativas para non quedar atrás respecto doutras cidades. “É indispensable poñerse a traballar xa en Costa Vella, en Formarís ou en actuacións máis ambiciosas, porque non podemos deixar todo única e exclusivamente á iniciativa privada”, sinalou, lembrando que estes dous ámbitos permitirían mobilizar 138 parcelas industriais e que o propio tecido económico propón unha bolsa de máis de 1,5 millóns de metros cadrados no Tambre.
“O expediente da entidade de conservación leva meses parado”
A edil foi tamén crítica coa xestión municipal do polígono existente. Recordou que o goberno local anunciara en xullo que os estatutos da entidade de conservación estaban na “fase final de tramitación”, pero, segundo Abal, “o 1 de agosto o Concello paralizou o expediente para pedir informes internos e, a día de hoxe, non nos consta que se reactivase”.
Para a concelleira, o resultado é evidente: “A Sionlla presenta farolas deterioradas, deficiencias na sinalización, beirarrúas e pavimentos sen mantemento e problemas de limpeza”. Por iso pide que a entidade quede constituída antes de final de ano e que se valore unha figura máis ambiciosa: “É importante que o Concello se poña a traballar nunha ECOXEM, que permitiría actuacións máis alá do simple mantemento”, explicou.