Nesta edición dos Orzamentos Participativos presentáronse moitas propostas que foron agrupadas na categoría de ciencia, tecnoloxía e saberes, que van desde xornadas para a observación das estrelas ata a celebración de feiras científicas, pasando por actividades de formación relacionadas coa automoción e o mantemento dos vehículos. Nos apartados do medio ambiente e a saúde pódense votar tamén interesanes propostas como andainas botánicas ou visitas guiadas a parques e espazos naturais, ou cursos de primeiros auxilios ou charlas sobre os efectos do alcohol. Relacionado cos animais, propóñense actividades como campañas de fomento do voluntariado ou propostas relacionadas coa atención ás colonias felinas.
Dentro do apartado de igualdade, diversidades e sexualidade atópanse iniciativas como actividades de formación ou charlas para xente moza con diferentes temáticas concretas; e no eido da inclusión social aparecen accións dirixidas a menores en situación de acollemento, encontros interxeracionais ou obradoiros de lingua de signos. Por último presentáronse unha serie de propostas que foron agrupadas baixo o epígrafe de emprendemento, emprego e economía circular, como a dinamización dun grupo de consumo ou a organización de charlas sobre as finanzas ou o mercado laboral.
Procedemento de votación
Na fase de votación dos Orzamentos Participativos de Xuventude poderán participar os mozos e mozas nacidos entre 1995 e 2009, que estean censadas en Santiago ou que acrediten que estudan ou traballan en Compostela. As persoas que participen no proceso, a través da web decide.santiagodecompostela.gal, deberán seleccionar obrigatoriamente tres propostas distintas, e puntualas con 3, 2 ou 1 punto, segundo o grao de preferencia. O prazo de votación rematará o 24 de marzo.
Ademais, habilitaránse puntos de votación presencial en diferentes espazos vinculados á Universidade de Santiago. O primeiro será o xoves, 6 de marzo, na Facultade de Ciencias Políticas de 11:00 a 14:00 horas, e na biblioteca Concepción Arenal pola tarde, de 16:00 a 19:00 horas.