Máis de 270 persoas participan na clausura das Escolas Deportivas Municipais de Frades
17 de xuño de 2025.- Máis de 270 nenos, nenas e persoas adultas participaron nas exhibicións da festa de clausura das Escolas Deportivas Municipais de Frades 2024/2025, un acto que tivo lugar este sábado no polideportivo municipal de Ponte Carreira. Unhas demostracións que remataron coa tradicional entrega de diplomas por parte do alcalde, Roberto Rey, e do concelleiro de Deportes, Juan Carlos Portos, que coincidiron en salientar a gran participación rexistrada este ano, toda vez que case se duplicaron os 140 participantes no mesmo acto do ano anterior.
Líder Redacción
17 de junio de 2025 a las 14:53
Durante algo máis de dúas horas, pola pista polideportiva de Ponte Carreira actuaron os alumnos e alumnas de zumba / aeróbic (infantil e adultos), ximnasia rítmica, fútbol sala, pilates e ximnasia de mantemento (adultos) e patinaxe, mentres que os traballos da escola municipal de debuxo e pintura se encargaron de engalanar a entrada ao pavillón.
O incremento no número de participantes no acto de clausura das EDM do Concello de Frades fundaméntase nun aumento do número de participantes nas distintas actividades: 343 persoas, 211 maiores e 132 crianzas. A modalidade estrela é a de pilates, pois conta con 111 participantes, con quendas dobres no centro sociocomunitario de Ponte Carreira, no pavillón municipal de Abellá e no multiúsos de Frades, así como nas parroquias de Añá e Galegos.



