Ademais, sinalou a rexedora, o compromiso do Goberno teense centrouse, como ben sabe a cidadanía, na mellora das infraestruturas municipais, tanto viarias como centros educativos, pavillóns, casas comúns, etc. Obras, salientou, máis que necesarias ante a falta de mantemento dos últimos anos que, incluso, poñían en risco o desenvolvemento de actividades para a poboación.
Nestes dous primeiros anos de lexislatura do actual equipo de goberno, tamén foi importante a posta en valor e visibilización dos recursos e patrimonio de Teo. Neste senso, ademais de reparacións e restauracións de monumentos, tamén se editou a primeira guía que recolle o patrimonio natural, arquitectónico e cultural do municipio. Así mesmo, apostouse pola publicación dun novo libro dos Bolechas para que os máis cativos poidesen descubrir os lugares máis emblemáticos das 13 parroquias de Teo.
No ámbito cultural, adecuouse o auditorio municipal para convertelo nun espazo multidisciplinar, onde tivera cabida obras de teatro, espectáculos e exposicións artísiticas. Ampliouse a oferta formativa das escolas municipais culturais e incrementáronse as actividades de lecer para todas as idades. De feito, no ano 2024 presentouse a primeira campaña turística planificada e orzamentada para todo o ano, estratexia que se repetiu no presente ano cunha alta participación entre a cidadanía teense e dos arredores. Unha aposta decidida e comprometida co turismo e coa cultura, á que se sumou tamén o apoio ao comercio e hostalaría, cunha campaña audiovisual, e aos artesáns na creación dunha asociación propia.
Por último, destacou Calvo de la Uz, e tras solventar numerosos requerimentos con esforzo e traballo por parte dos técnicos municipais, conseguiuse a declaración oficial da Feira Cabalar do San Martiño de Francos como Festa de Interese Turística de Galicia, un logro que permite promocionar aínda máis unha feira de máis de 500 anos de antigüidade.
Ao longo da súa extensa intervención, a rexedora municipal tamén detallou os apoios do Goberno local a sectores como o educativo, deportivo, xuventude, lingua, igualdade, mobilidade e, como non podía faltar, aos servizos sociais.