Verea insistiu en que o goberno de Goretti Sanmartín, BNG e CA, “xa demostrou a súa incapacidade” e cualificouno como “unha decepción total”, asegurando que mesmo existe descontento entre os seus propios simpatizantes.
Fronte a esta situación, lamentou que o PSOE e As Concelleiras Non Adscritas decidise non aproveitar a oportunidade aberta coa cuestión de confianza para impulsar unha alternativa, a pesar de que —segundo lembrou— “recoñeceron por activa e por pasiva que este goberno é un desastre”.
O líder popular reafirmou que o PP segue sendo a alternativa e que leva ofrecéndose “desde o minuto un” para liderar un cambio de goberno en Santiago. “Claro que queremos ser alternativa”, insistiu.
Así mesmo, puxo en dúbida que a postura do PSOE represente aos seus votantes, preguntándose se realmente prefiren que Goretti Sanmartín continúe como alcaldesa. Segundo indicou, moitos votantes socialistas están “decepcionados”, tanto co seu partido como co goberno municipal ao que dá soporte.
Por iso, dirixiuse directamente a ese electorado “orfo” para pedirlle apoio ante o que considera unha falta de valentía dos seus representantes: “Se eles non dan esa oportunidade, teremos que buscala nos seus votantes”, afirmou.