Conclúen as obras de mellora da histórica Fonte da Quenlla en Arzúa
O Concello de Arzúa anuncia a finalización das obras de acondicionamento e recuperación da histórica Fonte da Quenlla, situada no Viso, na parroquia de Santa María. Este proxecto, pensado para preservar e poñer en valor un espazo tan importante para a comunidade, inclúe a restauración dos muros de pedra, o saneamento do sistema de augas, a instalación de bancos integrados e un panel coa lenda da fonte.
Líder Redacción
30 de octubre de 2024 a las 10:16
Begoña Balado, concelleira de Turismo e Promoción Económica, celebrou a recuperación deste espazo: “A Fonte da Quenlla é parte fundamental do noso patrimonio. Recuperamos non só unha fonte, senón un lugar de encontro e unha tradición que se transmitiu ao longo dos anos. Este proxecto reflicte o compromiso de Arzúa co seu pasado e co benestar dos veciños, que agora dispoñen dun espazo mellorado para recoller auga e socializar.”
Con esta intervención, o Concello de Arzúa reafirma o seu interese en conservar e revitalizar os espazos tradicionais que enriquecen a identidade e o patrimonio cultural da vila.



