O Concello de Ames comprométese a rehabilitar a edificación, destinala a centro de atención a persoas maiores e en situación de vulnerabilidade e emerxencia social, habilitar un despacho para o párroco de Ames nas dependencias anexas á Casa reitoral e garantir o uso compartido do Arcebispado dunha sala na planta baixa da devandita Casa reitoral.
Ademais, o Concello e o Arcebispado comprométense a asinar antes do 30 de xuño de 2025 un contrato de compravenda a favor do Arcebispado dun terreo municipal de 327 metros cadrados, ocupado polas instalacións do cemiterio parroquial de Biduído, polo prezo de 10.598,18 euros.
O Arcebispado e o Concello comprométense a convir antes do 31 de decembro de 2026 un contrato por medio do que se articule a transmisión, en favor do Concello de Ames, dunha superficie de 1.928 metros cadrados do predio situado en Covas, que foi obxecto dun contrato de arrendamento o 14 de outubro de 1985. Tratase dunha superficie que foi cedida por un período de cen anos con destino a equipamento deportivo.
Creación dun espazo multifuncional en Trasmonte
Por outra banda, o Arcebispado e o Concello comprométense a convir antes do 31 de decembro de 2026 un contrato para a transmisión en favor do Concello de Ames da antiga Casa reitoral de Santa María de Trasmonte e a súa horta, de 1.715 metros cadrados de superficie, para destinar este inmoble a calquera outro servizo público competencia da Corporación. O Concello comprométese a solucionar a subministración de auga ao cemiterio e á igrexa parroquial de Santa María de Trasmonte.
Outro dos acordos, recolle a convir antes do 31 de decembro de 2026, un contrato ou convenio para a cesión en favor do Concello, por un período de 29 anos, do predio adxacente á Casa reitoral de Santa María de Trasmonte, de aproximadamente 12.285 metros cadrados, coa finalidade de que se utilice como elemento de apoio para as actividades de servizo público que se establezan en dita Casa reitoral.